Veri*factu xa está aquí. Como afecta ao teu negocio en liña
Guía completa e práctica para autónomos, emprendedores e pequenos negocios que venden a través da páxina web. Todo o que necesitas saber sobre a nova normativa de facturación en España. Spoiler: non non é tan obrigatoria como nos din. Nota: o goberno actualiza os prazos e adía a obrigatoriedade ata 2027
Introdución: por que esta guía é necesaria
Se es autónomo, se fundaches unha sociedade, se tes unha tenda online ou simplemente facturas servizos a través da túa web, é probable que escoitaras falar de Verifactu. Entender (de verdade!) que implica esta normativa, como afecta ao teu día a día e que pasos debes dar para adaptarte pode ser confuso.
Eu tamén tiña unha serie de crenzas que non eran reais ata que me puxen mans á obra e lin a documentación. Esta guía nace coa vocación de ser un recurso completo, claro e práctico.
Voume centrar moito en autónomos e empresas con web e tenda online, porque son os meus clientes, mais todo o que se di aquí tamén che axudará malia que non esteas entre esas persoas.
O que imos ver:
- Que é Verifactu e por que se implementa.
- Como afecta ao teu negocio e ás túas obrigas fiscais.
- Por que todo o mundo pensa que é obrigatorio implantar Verufactu e realmente non é tan así.
- Que software podes usar e como escoller o máis adecuado.
- Que riscos asumes se non te adaptas.
- Como dar os pasos correctos sen complicacións técnicas.
En todo caso, non importa se es deseñador, comerciante, consultor ou xestionas unha pequena empresa familiar: se emites factura, Verifactu aféctache. Dun xeito ou doutro.
E se tes web ou vendes online, aínda máis.
Importante
Esta guía está actualizada a día 02 de decembro de 2025. As normativas e prazos foron revisados segundo as últimas publicacións oficiais da Axencia Tributaria. Porén, é responsabilidade de cada profesional consultar directamente as fontes oficiais para asegurar o cumprimento legal. Pensa que eu non son avogado nin especialista fiscal. Son deseñador web e o que comparto contigo é o meu coñecemento a respecto da implantación online. A guía pode ter incorreccions.
Que é Verifactu?
Verifactu é o nome co que se coñece o regulamento aprobado polo Real Decreto 1007/2023, que establece os requisitos que deben cumprir os sistemas e programas informáticos que utilizan empresas e autónomos para emitir facturas.
O seu obxectivo é evitar a manipulación, borrado ou alteración das facturas, esixindo que os rexistros de facturación sexan integramente conservados, inviolables, trazables e encadeados. A norma non obriga a que todas as facturas se emitan baixo Verifactu, senón a que o software que as xera cumpra unhas condicións técnicas específicas.
Dentro deste regulamento existe unha modalidade chamada “modo Verifactu”, na que os rexistros de facturación envíanse automaticamente á Axencia Tributaria para que poidan ser verificados. A elección desta modalidade é voluntaria; o obrigatorio é cumprir os requisitos técnicos do regulamento con independencia da modalidade escollida.
Cales son os seus obxectivos?
Nota: os seguintes puntos son os obxectivos teóricos do asunto. Non quere dicir que eu estea de acordo con eles.
- Loitar contra a fraude fiscal. Ao ter un rexistro electrónico inmediato de todas as facturas, Facenda pode detectar con maior facilidade irregularidades, facturas falsas ou ocultación de ingresos.
- Acelerar os trámites administrativos. As empresas e autónomos poderán presentar as súas declaracións con maior rapidez e Facenda poderá procesalas de forma máis áxil.
- Reducir cargas burocráticas. O automatizar procesos, evítanse erros manuais e simplifícanse xestións como o IVE ou o modelo 303.
- Facilitar auditorías e inspeccións. Os sistemas certificados garanten que as facturas sexan inalterables e estean dispoñibles para Facenda de forma inmediata.
- Evitar a competencia desleal. A utilización de sistemas informáticos de facturación adaptados ao regulamento impedirá ou reducirá significativamente a competencia desleal.
- Avanzar na dixitalización e estandarización. A adopción dos requisitos e formatos estandarizados contribúe a estandarizar e modernizar os sistemas informáticos empresariais, o que permite avanzar na dixitalización dos empresarios e profesionais.
Como funciona Verifactu?
Recordatorio: Verifactu establece como deben funcionar os Sistemas Informáticos de Facturación (SIF) utilizados por empresas e autónomos para emitir facturas. O regulamento non obriga a que as facturas sexan electrónicas, senón a que o software que as xera cumpra uns requisitos técnicos. Estas son as ideas chave:
- Non obriga a facturar en electrónico. Regula como debe funcionar o software de facturación (SIF) para impedir a manipulación, borrar ou alterar facturas mediante rexistros inviolables e trazables.
- Rexistro de facturación. Por cada factura emitida o sistema xera automaticamente un rexistro electrónico estruturado (non é a factura ao cliente), independentemente de que a factura se entregue en papel ou PDF.
- Integridade e trazabilidade. Os rexistros protéxense con pegada dixital (hash), encadeamento e rexistro de eventos para que non poidan modificarse sen deixar rastro.
- Modo VERI*FACTU (voluntario). O sistema envía automaticamente e en tempo case real cada rexistro á AEAT; a custodia deses rexistros pasa á Administración.
- Modalidade non verificable (sen envío automático). O sistema non remite os rexistros, pero debe asinalos e conservalos íntegros durante o prazo legal para entregalos se hai inspección.
- Código QR obrigatorio. Todas as facturas emitidas con Sistemas Electrónicos de Facturación (SIF), é dicir, calquer programa de facturación levarán QR. Se estás no "modo Verifactu" este QR serve para verificar na AEAT e se non tes envío automático de facturas, permite ao cliente deixar constancia da factura.
Recordatorio importante
Verifactu o que require é que as facturas se emitan a través de sistemas que cumpran os estándares técnicos e legais da normativa. Non que todos os autonómos e empresas enviemos de xeito automático as facturas á AEAT. Porén, si recomendan que o fagamos.
Verifactu vs. FacturaE
É común confundir Verifactu con outras normativas de facturación electrónica. Aquí tes unha aclaración:
- FacturaE. É un formato estándar de factura electrónica en XML. Utilízase para facturar obrigatoriamente á Administración Pública a través de plataformas como FACe. Define a estrutura da factura, pero non controla nin verifica a súa autenticidade en tempo real.
- Verifactu. Do que estamos falando. É un sistema da AEAT para evitar a manipulación de facturas. Obriga a que o software de facturación xere rexistros inviolables con selado e encadeamento. O seu obxectivo é garantir que as facturas non poidan ser alteradas nin eliminadas sen deixaren rastro.
Verifactu, estritamente falando, é o “modo” no que o sistema envía á AEAT os rexistros de facturación en tempo case real. FacturaE só entra en xogo cando lle facturas a unha Administración Pública (concello, Xunta, universidade…), así que se non traballas con organismos oficiais, non te preocupes por iso.
A quen afecta Verifactu?
Verifactu afecta a practicamente todos os profesionais e empresas que facturen en España, con poucas excepcións. Aquí tes unha desagregación detallada:
- Empresas (S.L., S.A., cooperativas etc.) que emitan facturas usando calquera programa informático. Calquera sociedade que faga facturas con ERP, programa de facturación, TPV, software na nube, CMS...
- Autónomos en estimación directa que usen programa de facturación ou TPV. Se es autónomo (profesional ou pequeno negocio) e usas un programa para facer facturas, tíckets ou simplificadas (software no PC, na nube, TPV, app móbil…) tamén estás obrigado a cumprir.
- Negocios online. Se tes unha tenda online (WooCommerce, Prestashop, Shopify etc.) e xeras facturas de forma automatizada mediante software, estás dentro: o sistema que empregues para emitir esas facturas debe cumprir Verifactu.
- Outros profesionais ou empresas. Se existe algún outro profesional ou empresa que non encaixe nos supostos anteriores mais utiliza algún tipo de programa informático para a facturación, tamén lle aplica Verifactu.
E que se libra?
- Autónomos que só usan talonarios en papel e NON empregan ningún programa. Se todo o que fas é escribir a factura a boli nun talonario e non a rexistras en ningunha aplicación, non entras en Verifactu.
- Autónomos que usan Excel,Word, Canva, Photoshop ou similares só para redactar e imprimir facturas, sen automatizar rexistros nin xerar libros contables (importante o matiz). Se se usan para xestionar rexistros fiscais ou libros de IVE/IRPF (mediante automatizacións ou macros), entón si entrarían no ámbito da norma.
- Negocios que só emiten facturas de forma absolutamente excepcional e sempre en papel. Se por regra xeral non tes obriga de facturar e, nos poucos casos en que tes que facelo, falo á man en papel, tampouco estás afectado mentres non informatices esa facturación.
- Empresas adscritas ao Suministro Inmediato de Información (SII). As empresas que xa están obrigadas a enviar os seus rexistros de facturación á Axencia Tributaria mediante o sistema SII non están suxeitas ao Regulamento Verifactu, xa que ambas as obrigas son excluíntes.
- Empresas e autónomos con domicilio fiscal no País Vasco ou Navarra. Quedan fóra do ámbito do Regulamento Verifactu estatal porque están sometidos á súa propia normativa foral de control da facturación (TicketBAI).
- Outras operacións. En operacións específicas (algúns réximes especiais, exencións moi concretas), se non emites factura, non hai Verifactu que aplicar. Se decides emitir factura igualmente e a fas con software, ese software debería cumprir.
Casos prácticos
Tipo de contribuínte | Exemplo práctico | Situación de facturación | Verifactu? |
|---|---|---|---|
Autónomo en estimación directa (IRPF = ingresos – gastos). | Emite facturas con un programiña na nube ou no seu PC. | Emite facturas ou facturas simplificadas usando un sistema informático. | Si, programa adaptado obrigatorio |
Pequena empresa (S.L.) en Imposto sobre Sociedades. | S.L. con 3 empregados que usa un programa de xestión. | Emite facturas a clientes con software propio ou de terceiros. | Si, programa adaptado obrigatorio |
Empresa mediana con ERP propio desenvolto a medida | Empresa industrial que xestiona ordes e facturas | O ERP é software propio, pero emite e garda facturas | Si, programa adaptado obrigatorio |
Autónomo ou Empresa con TPV (importante) que emite tickets | Bar, tenda de roupa ou comercios que emiten tickets por TPV | Os tíckets están xestionados por un sistema informático | Si, programa adaptado obrigatorio |
Autónomo que factura só cun talonario en papel (sen PC) | Fontaneiro que fai facturas a boli e non as rexistra en dixital | Non usa ningún sistema informático nin electrónico | Non ten que usalo |
Autónomo que emite e imprime facturas por medios electrónicos | Só usa Word, Excel, un modelo de Canva ou Photoshop. | Son exclusivamente para emitir e imprimir (non para contabilidade) | Non ten que usalo |
Datas chave de aplicación
Aquí vai un breve resumo coas datas de aplicación. Ollo porque se tes unha S.L. ou, pola conta, es autónomo a cousa cambia. Anota non se che vaia pasar:
Actualización ao 02/12/2025. O Goberno adía 1 ano a obrigatoriedade de Verifactu, ata o 2027. Fonte.
Decembro 2023
Publícase o RD 1007/2023. Non é obrigación inmediata para empresas/autónomos. É o "arranque oficial" do sistema.
2024 - 2025
O prazo forte aquí é para as empresas de software (Holded, Quipu, FacturaDirecta, plugins de WooCommerce etc.) que teñen que adaptar os seus programas aos requisitos técnicos: rexistro inviolable, hash, encadeamento, exportación…
1 xaneiro 2026 2027
Toda empresa que tribute polo Imposto de Sociedades (por exemplo, se tes unha S.L.) estará obrigada a usar un programa informático adaptado a Verifactu.
1 xullo 2026 2027
É a data clave para os autónomos. Se usas programa, TPV ou facturación online, a partir desta data debe ser conforme a Verifactu.
Non o deixes para última hora!
Que cambia nun negocio tenda online
Se tes unha tenda online ou facturas desde a túa web, Verifactu non cambia o teu modelo de venda mais si a forma na que se xeran e rexistran esas facturas. Cóntoche:
O que pasa a ser obrigatorio
- As facturas só poden xerarse con software adaptado ao regulamento Verifactu.
- O sistema debe crear rexistros inviolables e encadeados.
- Debe permitir a exportación dos rexistros se a Axencia Tributaria os solicita.
- É obrigatorio xerar QR. A obrigatoriedade de incorporar o QR tributario (ou o seu contido, no caso de factura electrónica estruturada) deriva do Real Decreto 1007/2023, independentemente de escoller modo Verifactu ou modo non verificable
- En esencia, un programa adaptado e verificado para Verifactu.
O que NON é obrigatorio
- Non é obrigatorio enviar as facturas a Facenda en tempo real.
Que pasa se tes un WooCommerce?
- Necesitarás un plugin especial ou unha integración con software de facturación adaptado. Correcto. Dado que o sistema (WooCommerce con pagamento e facturación) utilizado para expedir facturas considérase un SIF, este debe cumprir cos requisitos técnicos de integridade e xeración de rexistros estruturados.
- Cada pedido que requira factura deberá xerarse nun sistema conforme. O SIF debe xerar un Rexistro de Facturación (RF) por cada factura expedida.
- As devolucións ou anulacións deberán crear facturas rectificativas. A alteración, ocultación ou eliminación dos rexistros de facturación orixinalmente xerados non está permitida. Calquera corrección ou anulación debe realizarse mediante a xeración dun novo rexistro de facturación (por exemplo, unha factura rectificativa).
- As facturas deben conservarse vaios anos. O obrigado tributario debe asegurarse de que os rexistros de facturación se conserven durante o prazo legal.
- O popular plugin "PDF Invoices & Packing Slips for WooCommerce" NON está adaptado a Verifactu por si só. É dicir, ese plugin co que descargas facturas en PDF non vale.
Exemplo real:
Vouche poñer un exemplo real cunha tenda online que factura máis de 20.000€ ao ano. E coñézoa ben porque fun eu o encargado de creala e son o encargado de mantela.
Esta tenda online vende esencialmente téxtil: camisolas, suadoiros etc. a través de WooCommerce.
O proceso de compra ata finais de 2025 é:
- O cliente entra na web.
- Compra un produto téxtil.
- Paga con tarxeta de débido ou crédito.
- O administrador recibe o diñeiro e xera unha factura automática numerada en PDF.
Coa entrada de Verifactu, isto é o que temos que cambiar.
1. Para o cliente non cambia nada. O proceso de compra segue sendo exactamente o mesmo. A persoa compra, paga e recibe o seu pedido como sempre. Non ten que facer nada diferente.
2. O cambio está no “detrás da web”. Cada vez que se xera unha factura, esa factura:
- Non se emite unha factura nun simple PDF como ata agora. O PDF como formato é válido, mais o que cambia é o proceso de xeración.
- Hai que usar un sistema adaptado.
- Non pode ser modificada nin borrada sen deixar rastro.
- Queda rexistrada cun número e unha marca dixital interna.
- Pode ser exportada se Facenda a solicita.
Non tes que facer nada manualmente: é o software de facturación o que debe cumprir isto.
3. Envío dos datos a facenda e xeración do QR?
Depende. Debes rexistrar a factura nun programa de facturación adaptado. O que ti queiras. Pero que cumpra coa lei. A xeración do QR tributario é obrigatorio. O envío das facturas á AEAT automaticamente co modo Verifactu é opcional.
Programas compatibles con Verifactu e WooCommerce
Existen distintas opcións de software para adaptarte a Verifactu. A elección dependerá do tamaño do teu negocio, do volume de facturas que emitas, do teu nivel técnico e do teu orzamento. Tamén de como é a túa tenda online.
Aquí tes as principais opcións que eu manexo:

Holded
Plataforma de xestión para pemes e autónomos que inclúe facturación, contabilidade, CRM, inventario. Adaptación a Verifactu e integración con WooCommerce.
Factura Directa
Software de facturación online orientado a autónomos e pemes, con interface sinxela. Adaptación a Verifactu e integración con WooCommerce.

Quipu
Plataforma de facturación e contabilidade online para autónomos e pequenas empresas, con interfaces intuitivas. Adaptación a Verifactu e integración con WooCommerce.

Quaderno
Software de facturación online, con integracións para ecommerce. Adaptación a Verifactu e integración con WooCommerce.

Odoo
ERP completo (sistema de xestión empresarial) que inclúe módulo de facturación e múltiples extensións. Adaptación a Verifactu e integración con WooCommerce.

FactuPress
Plugin específico para WooCommerce e WordPress que permite emitir facturas electrónicas e integrar directamente Verifactu co popular plugin de facturas "PDF Invoices and Packing Slips".
Preguntas frecuentes
Se teño unha tenda online, aféctame Verifactu?
Si, se a túa web xera facturas con algún programa externo ou plugin propio, ese sistema debe cumprir a normativa Verifactu. Non cambia a túa tenda, pero si a forma na que se crean e rexistran as facturas.
Teño WooCommerce. Teño que cambiar de plataforma?
Non. Non necesitas cambiar WooCommerce. O que necesitas é un plugin compatible ou unha integración cun software de facturación adaptado a Verifactu.
Teño que enviar automaticamente todas as facturas á Axencia Tributaria?
Non necesariamente. Só é obrigatorio se escolles traballar en modo Verifactu. Podes cumprir a lei sen envío automático, sempre que o software cumpra os requisitos técnicos.
Vou ter que poñer un código QR en todas as miñas facturas?
Si. Terás que incluír un código QR en todas as facturas que emitas cando uses un software de facturación adaptado a Verifactu, tanto nas facturas completas como nas simplificadas.
A obriga do QR aplícase independentemente da modalidade que empregues: é obrigatorio tanto se o teu sistema funciona en modo Verifactu (envío automático á AEAT) como se funciona como sistema de emisión de facturas non verificables (sen envío automático).
O que cambia non é o QR, senón o seu uso: en modo VERIFACTU o cliente pode comprobar que a factura xa está rexistrada na AEAT; en modo non verificable, o QR permite ao cliente remitir os datos para deixar constancia da existencia da factura.
Ademais, a mención Verifactu só debe aparecer se o teu sistema está realmente nesa modalidade, pero o QR é sempre obrigatorio.
Que pasa se emito facturas da miña tenda online cun plugin tipo PDF Invoice de WooCommerce?
Ese tipo de plugins, por si sós, non cumpren Verifactu. Terás que integralos cun software adaptado ou empregar unha extensión específica como FactuPress ou similar.
E se vendo só a particulares, teño que pedir NIF igualmente?
Non. O NIF só é obrigatorio se facturas a empresas, profesionais ou se o cliente solicita factura nominativa. Nas vendas a particulares non tes que pedilo de forma obrigatoria.
Afecta Verifactu aos pagos con Stripe, PayPal ou Redsys?
Non directamente. As pasarelas de pago seguen igual. O que cambia é que ese pago, se xera factura, debe rexistrarse nun sistema conforme a Verifactu.
Que pasa se cometo un erro nunha factura?
A factura non se pode borrar nin editar. Terás que emitir unha factura rectificativa. Isto xa pasaba (aínda que ti e mais eu sabemos que o que faciamos era editar o PDF hehe), pero agora queda todo rexistrado e controlado polo sistema.
Teño facturas antigas feitas con outro sistema. Teño que cambialas?
Non é obrigatorio modificar as facturas antigas. A obrigación aplícase ás facturas emitidas a partir da data de entrada en vigor para ti (2026).
Que pasa se non fago nada?
Se continuas usando un programa non adaptado, estás expóndote a sancións e a problemas en inspeccións. Non é un “consello”, é unha obriga legal. Que lle imos facer…
Anxo, e ti que vas facer?
Eu supoño que enviarei as facturas con Verifactu para esquecerme e pista… Prefería o meu Word bonitiño mais bon, haberá que pasar polo aro.
Cales son as túas fontes?
Lin moitos blogs, pero en esencia son as Preguntas Frecuentes da Axencia Tributaria. Bótalles unha olllada. En especial aos puntos 16 e 17 do índice.
Conclusións
Verifactu non cambia a túa web nin a forma na que vendes: cambia como se rexistran e verifican as facturas que emites. Se tes unha tenda online, unha web de servizos ou un TPV virtual, o que pasa a ser obrigatorio é que o software que xera esas facturas cumpra a normativa antifraude: rexistros inviolables, trazabilidade, encadeamento e capacidade de exportación para a Axencia Tributaria.
Non estás obrigado a cambiar de plataforma (WooCommerce é a túa mellor opción), pero si a usar un plugin ou programa de facturación adaptado.
O envío automático das facturas á AEAT está ligado ao chamado modo Verifactu. Elixir esa modalidade é voluntario, pero se a activas, terás que manter esta opción ata finais de ano. Se non a activas, tamén estás a cumprir sempre que o teu sistema estea adaptado.
Para a maioría de autónomos e pequenas empresas con tenda en liña, o máis sensato é adaptar primeiro o software e decidir máis adiante se compensa ou non activar o envío directo.
En resumo, adapta o teu programa e logo decide se queres remitir en tempo real a AEAT as facturas. Se vendes online, o impacto real está no teu sistema de facturación, non na experiencia do cliente.
E, a continuación, que podo facer?
- Infórmate. Non te fíes de todo o márketing nin das mensaxes dos programas de facturación. Eu tamén caín e pensei que Verifactu era obrigatorio. Tampouco te fíes desta guía, pode ter incorreccións. Eu non son avogado. Entende ben como Verifactu afecta ao teu negocio en particular.
- Consulta coa túa asesoría. Un asesor fiscal pode axudarche a entender as obrigas específicas do teu caso.
- Escolle o software adecuado Avalía as distintas opcións e escolle a que mellor se adapte as túas necesidades e orzamento. Eu escollín un programa onde podo enviar facturas, orzamentos e levar a contabilidade. Xa que estaba.
- Planifica a integración. Se tes web ou tenda online, planifica a integración do software de facturación coa túa plataforma. Non o deixes para última hora.
- Fai probas: Antes de lanzarte definitivamente fai probas para asegurar que todo funciona correctamente.
- Cumpre cos prazos. Non esperes ao último momento. Canto antes te adaptes, menos problemas terás.

Son Anxo Sánchez
Deseñador web e emprendedor
Axúdoche a conseguir máis e mellores clientes para o teu negocio cunha páxina web optimizada que atraia e converta. Son da idea de que hai que lanzarse xa e non deixar que a competencia te coma. Non agardes máis e comeza a vender.
Sei que os inicios son duros.
Sei que en Internet non todo é tan sinxelo como se pinta.
Seino porque eu tamén son emprendedor e xa pasei por iso. Por iso a miña vocación é axudar a persoas coma ti a MEDRAR co seu negocio en Internet.





Contacto
Propietario do sitio web: Anxo Sánchez García. Finalidade: xestionar, atender e dar resposta ás solicitudes de información ou comunicación realizadas a través deste formulario. Lexitimación: consentimento do usuario que utiliza a ferramenta. Destinatarios: os datos que me envías almacénanse nos servidores de Lucushost. Dereitos: pode acceder, rectificar e eliminar os seus datos. Máis información: podes ver a miña política de privacidade.